La Consellería de medio ambiente quiere ampliar el parque natural del Monte Aloia a toda la sierra de O Galiñeiro, lo que sumarían 1.990 nuevas hectareas a un espacio protegido que ahora tiene 746.
Ferrín en el Faro de Vigo nos deslumbra con un artículo de opinión lleno de optimismo sobre esta ampliación y el curro de O Galiñeiro.
Para a segundo domingo de Xullo está sinalado o curro do Galiñeiro, certamente o
máis urbano de Galicia porque a el van parar bestas que, alén de no termo
municipal de Gondomar, pacen todo o ano no de Vigo, a primeira concentración
urbana de Galicia. Así, o máis arcaico e o máis férridamente contemporáneo se
conxugan no Curro do Galiñeiro como é uso na Terra de Turonio.
O curro
celebrarase no seu lugar habitual ao pé da penedía das Gallas e da Cova da Becha
(temíbel serpe que devora mozas e cabritos se non lle ofrecemos cuncas de leite
fresco) nun espazo que foi notabelmente mellorado coa desparición do eucaliptal.
Non lonxe do curro, que aínda é de madeira como antano foran todos, está o campo
dos Arruídos, topónimo considerado celta pola indoeuropeística e relacionado no
significado co fluir das augas, como corga e arroiar. Nos Arruidos e na parede
cuase vertical dun formidábel penedo deprégase o cadro festival da que foi
chamada Pedra das Procisións. Trátase dunha colección espectacular de gravados
prehistóricos nos que predominan motivos militares sobre os que destaca unha
espada da Idade do Bronce de dimensións colosais. Seguramente trátase da espada
dalgún deus vello que viviu no Galiñeiro.
Este ano o curro do Galiñeiro
celebrarase cunha especial ledicia. A Consellería do ramo do medio ambiente
natural acaba de facer público que o parque natural do Monte Aloia, fundado nos
anos vinte polo enxeñeiro Areses, vai extenderse a toda a Serra do Galiñeiro e
nun futuro próximo os gandeiros da zona van gozar, e tamén o curro, dun trato
especial. Todos os veciños dos concellos de Gondomar, Mos, Porriño e Vigo que
habitan na zona protexida están de noraboa, como estamos todos os fieis
frecuentadores do Monte Aloia e da Serra do Galiñeiro. Por suposto, Manuel
Vázquez, conselleiro, e Xosé Benito Reza, director xeral, merecen o noso aplauso
porque por fin o principal territorio natural montuoso do hinterland de Vigo que
chamamos Turonio foi tido en conta pola administración autonómica. Todo parece
indicar que nesta serra que desde o cabezo do Aloia sobre o Miño corra cara o
Norte para afirmarse gloriosamente no que Fontán chama Corno do Demo sobre a
Garrida de Valadares, as cousas van mudar para ben. As pedreiras e canteiras
interromperan a ruina montium; as plantacións masivas de eucalipto coñecerán o
seu fin; a apertura de pistas sen sentido terminará tamén e outra política será
incentivada coa colaboración das comunidades de montes. A riqueza xeolóxica do
Galiñeiro terá que ser divulgada; o casarío tradicional dos Cabreiros, de Prado
ou de Vila, seguramente será protexido; o gado e avenza (cabalos, vacas, cabrío)
coñecerá un forte e novo pulo; a riqueza arqueolóxica (petroglifos e murallas
xémeas do Aloia e as Gallas) convertirán o parque nun museo a pleno ar. E outras
moitas e boas cousas.
2 Deja tu comentario pinchando aquí:
Unha boa nova que espero que se cumpra 100%.
Sí paideleo, esperemos que se siga adiante coa proposta, se todo vai ben. Aprobarase o próximo ano no Consello da Xunta,
Ti seica es de Porriño?. Pois 476 hectareas van estar no Porriño. O resto repartirase entre Gondomar (976), Tui (264), Vigo (184) e Mos (90).
Sen dúbida O Galiñeiro fai compartir moitas historias e lendas a todos estes Concellos.
Publicar un comentario